Thursday 16 de May de 2024

Concello e Xunta cofinanciarán o proxecto de mellora da estrada entre Vilarmaior e Condesuso


O investimento total alcanzará os 127.000 euros.

O Concello ten proxectada a mellora integral da estrada que comunica os núcleos de Vilarmaior, na parroquia de Erboedo, e de Condesuso, en Soandres. Presenta unha lonxitude aproximada de 1.600 metros, nos que se vai ampliar a plataforma da calzada ata os 5,5 metros, renovar a superficie de rodadura dos vehículos con aglomerado asfáltico en quente e mellorar a sinalización para aumentar a seguridade viaria.

O proxecto será cofinanciado entre o Concello e a Xunta de Galicia a través do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural. Ademais de favorecer o tránsito rodado nesa zona rural, a actuación é estratéxica xa que mellora ese amplo tramo da estrada que comunica Paiosaco con Vista Alegre é dá acceso pola AC-523 á A-6, ao aeroporto de Alvedro e á cidade da Coruña a través da Terceira Rolda.

O investimento alcanzará os 127.000 euros, dos cales Agader asumirá 96.000 euros, correspondendo ao Concello achegar 31.000 euros procedentes de fondos municipais.

A través desta mesma liña de subvencións do Agader o Concello xa cofinanciara en anualidades anteriores outros proxectos de mellora de estradas municipais en núcleos rurais, como a de San Pantaión (Golmar) á Xesta (Soutullo). Na parroquia de Montemaior, as vías que comunican O Raño co Igrexario e O Xestal, a que vai de Santa Margarida á Silva, a do núcleo da Ferreira -discorrendo un tramo por Soandres- e a de San Fins de Arriba en dirección á estrada CP-2404. Tamén se mellorara a estrada que comunica A Costa e Tuixe de Abaixo que discorre polas parroquias de Cabovilaño e Lemaio.